O Consello Regulador, dentro do seu programa de accións promocionais para o 2024, acaba de promover a visita de cinco prescritores ao territorio vitivinícola de Monterrei.
Nas dúas últimas xornadas, Alberto Zapata Rodríguez (director de ‘Dichosa Cocina’ de RTVE), Ana Eugenia Gómez González (redactora de contido de Bodeboca), Cristina Villar Martín (xestora de enoturismo de VinoSelección), José Antonio Muñoz Coromina (director/editor do magazine Traveling) e Laura López Altares (redactora da revista MiVino) formaron parte de numerosas actividades relacionadas coa viticultura e o viño.
Entre as mesmas destacan a visita ao lagar rupestre Xan Preto, así como tres túneles de viño (‘Vales’, ‘Anadas eméritas’ e ‘Variedades’). Ademais, estes xornalistas especializados visitaron cinco adegas da denominación (Ladairo, Gargalo, Terras do Cigarrón, Triay e Daniel Fernández), onde coñeceron os seus viñedos, instalacións e os seus viños máis representativos. Este programa tamén contou con actividades complementarias como a visita á acrópole de Monterrei.
“Os participantes nesta iniciativa tiveron a oportunidade de descubrir, in situ, a tradición e cultura vitivinícola de Monterrei, características climáticas, terroir, tipoloxías de viño e o traballo de cinco adegas rexistradas na nosa zona amparada”, destaca o presidente Jonatás Gago. “A organización deste tipo de actividades permite mostrar o produto Monterrei de modo íntegro, desde a vide ata a copa, ensinando de primeira man o traballo de viticultores e adegueiros, a historia da viticultura na comarca e o resultado de todo iso, o viño da D.O. Monterrei”.