A Ruta do Viño Monterrei, coa colaboración de Turismo de Galicia, organizará entre os días 10 e 12 de xuño a undécima edición das Xornadas de Portas Abertas.
Nas mesmas, que conta tamén co apoio dos municipios de Monterrei, Oímbra e Verín, participarán oito adegas desta denominación de orixe que ofertarán visitas guiadas polas súas instalacións acompañadas dunha degustación de viño de Monterrei. As adegas participantes na iniciativa son: Daniel Fernández, Fragas do Lecer, Gargalo, Pazo de Valdeconde, Quinta Soutullo, Terras do Cigarrón, Triay e Vía Arxéntea. O horario de visita será o sábado ás 11, 12.30 e 17 horas e o domingo ás 12 horas (recoméndase confirmar a visita previamente coa adega).
Tamén formarán parte desta xornada restaurantes asociados á ruta (Brasil e Parador de Verín-Monterrei), que ofrecerán un menú especial maridado con viños da D.O. Monterrei cun prezo que oscila entre os 22 e 30 euros. Ademais, realizaranse ofertas especiais nos establecementos: O Retiro do Conde, Hotel Villa de Verín e Parador de Verín-Monterrei. As reservas xestiónanse directamente cos establecementos, especificando que se trata da oferta de Xornadas de Portas Abertas.
As undécimas Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Monterrei, ademais das visitas guiadas e degustacións en adegas, tamén inclúen as seguintes actividades:
– Cata ‘Aromas e sabores. Harmonía de froitas e viños’ (Venres 10, ás 17.30 horas, no Centro do Viño -Castelo de Monterrei-). Obradoiro organizado para identificar os aromas froiteiros existentes nos viños brancos e tintos de Monterrei. Realizaranse combinacións con froitas e diversas elaboracións vinícolas do territorio. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
– ‘Harmonía de viños de Monterrei e Cociñas do Mundo’ (Venres 10, ás 20 horas, no Centro do Viño -Castelo de Monterrei-). Nesta iniciativa os/as participantes descubrirán recoñecidos pratos de cociñas internacionais en combinación con distintas elaboracións de viño da D.O. Monterrei. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
– Cata de Estrelas (Sábado 11. Esta actividade poderá sufrir alteracións debido á climatoloxía). Observación astronómica acompañada dunha cata de viños da D.O. Monterrei. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
– ‘Viños D.O. Monterrei – Variedades e Elaboracións’ (Domingo 12, ás 12 horas, no Centro do Viño -Castelo de Monterrei-). Obradoiro que permitirá probar distintas variedades e elaboracións de viños da denominación de orixe Monterrei. Requírese inscrición previa: Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
– Concurso de fotografía (10, 11 e 12 de xuño). Actividade organizada co obxecto de promocionar e difundir os recursos enoturísticos do seu territorio. As imaxes deberán estar protagonizadas por viñedos e outros elementos culturais e enolóxicos da comarca. Máis información en: Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
– Ruta dos Lagares Rupestres. Visita a Adega – Lagar As Barrocas. Ruta de sendeirismo sinalizada polos lagares rupestres do municipio de Oímbra (non é necesaria a inscrición. Pódese realizar de modo individual). Para visitar a Adega – Lagar As Barrocas é necesario efectuar reserva previa en Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
– Visita Museo Claustro Mercedario (Venres 10 e sábado 11, de 11 a 14 e de 17 a 20 horas; e domingo 12, de 11 a 14 horas). Un museo para a divulgación do patrimonio comarcal situado no emblemático claustro da Igrexa da Mercé. Unha mostra expositiva permanente permite ao visitante penetrarse na cultura vinícola deste territorio, visitar unha lareira ou lembrar como era a vida nas casas galegas. Xunto con reproducións de esculturas como a de Dionisos e Ampelos ou a Pedra Alta, unida ás orixes da Vía da Prata, este espazo convértese en visita obrigada na vila de Verín. Máis información: Museo Claustro Mercedario de Verín (museodeverin@gmail.com // 617 963 905) e Oficina de Turismo de Verín ( R/ Irmáns La Salle s/n -Verín // 988 411 614 // turismo@verin.gal).
– Visita ao Castelo de Monterrei. A Oficina de Turismo de Monterrei organiza visitas guiadas (individuais ou grupais) a unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia, declarada Monumento Nacional. O conxunto arquitectónico está conformado polo Palacio das Damas, o Hospital de Peregrinos, a torre da Homenaxe e a igrexa de Santa María de Monterrei. Máximo 20 persoas por grupo (Venres 10, sábado 11 e domingo 12: visita guiada: ás 11 e 19 horas). Requírese inscrición previa: Oficina de Turismo de Monterrei (Paseo das Damas s/n – Monterrei // 988 361 360 // turismomonterrei@gmail.com // turismo@monterrei.gal).
– Sala Expositiva Hospital da Trinidade (Sábado 11 e domingo 12, de 16 a 20 horas). Exposición de arte neste espazo situado no Hospital da Trindade na acrópole de Monterrei. Máis información: Oficina de Turismo de Monterrei (Paseo das Damas s/n – Monterrei // 988 361 360 // turismomonterrei@gmail.com // turismo@monterrei.gal).
– Descobre o Tesouro en Monterrei (Sábado 11 e domingo 12, ás 12 e 17 horas). Actividade para realizar en familia con nenos/ as a partir dos 5 anos. Prezo: 20 euros/ familia (ata 6 participantes). Requírese inscrición previa: Oficina de Turismo de Monterrei (Paseo das Damas s/n – Monterrei // 988 361360 // turismomonterrei@gmail.com // turismo@monterrei.gal).
Doutra banda, tamén se contará co Bus do Viño. Un servizo que terá un custo, do mesmo xeito que nos restantes rutas do viño de Galicia, de 10 euros/adulto e de 5 para nenos/ as (de 3 a 13 anos). Este servizo contará con seis rutas na xornada do sábado 11 de xuño, con saídas desde A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo. Toda a información de horarios e lugares de visita e recollida en Ruta do Viño Monterrei (Rúa Castelao, 10 baixo – Verín // 988 590 007 // info@domonterrei.com).
O crecente interese pola cultura do viño supón unha boa oportunidade para que todo o mundo poida coñecer as adegas de Monterrei e a elaboración dos seus viños. A Ruta do Viño Monterrei atópase situada no sueste da provincia de Ourense, lindando coa fronteira de Portugal. Os seus viñedos aparecen estruturados en dúas subzonas perfectamente delimitadas pola súa orografía: o val de Monterrei e a ladeira de Monterrei. Nesta comarca atoparemos adegas que coroan espectaculares miradoiros na montaña e outras aos pés do val.