A cidade herculina acolle este luns 3 de xuño un showroom no que estarán presentes 20 adegas da Denominación de Orixe Monterrei.
Esta acción promocional terá lugar no Hotel Finisterre da Coruña, e permitirá ás adegas participantes mostrar o potencial vitivinícola de Monterrei, ademais de presentar as diferentes elaboracións que realizan, tanto en brancos como en tintos, ao sector profesional (canle Horeca, distribución, escolas de hostalería etc). Nesta ocasión as adegas que formarán parte da devandita iniciativa son Trasdovento, Pazo das Tapias, Abeledos, Ladairo, Pazos del Rey, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva (Vinos Lara), Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Manuel Vázquez Losada, Minius, Pazo de Valdeconde, Terras do Cigarrón e Triay.
Ademais, no marco do showroom, tamén se promoverá a realización dun Túnel de Anadas con trinta referencias das adegas participantes nesta actividade, co obxecto de ensinar a capacidade de garda dos viños de Monterrei.
“A Coruña sempre foi un mercado prioritario para os nosos viños, e a realización desta actividade, na que están presentes 20 das 29 adegas rexistradas, permite mostrar non só as singularidades dos nosos viños, senón o que nos fai diferentes a outras denominacións vitivinícolas galegas, ademais de supoñer unha oportunidade para abrir novas canles venda ás nosas adegas”, destaca o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Jonatás Gago García.