Faltan 24 horas para que empecen os tres días de celebración da XVII Feira do Viño Monterrei, que contarán con actividades musicais, culturais e vitinícolas destinadas a todos os públicos.
A actividade principal será a tradicional feira que se celebrará na praza da Alameda, e na que esta edición estarán presentes un total de 19 das 29 adegas que conforman a denominación (Bodega Ladairo, Gargalo, Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarron, Triay, Adega Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Via Arxentea, Bodega Abeledos S.L., Setembro, Bodega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernandez, Adega Trasdovento, Adega Quinta Soutullo, Manuel Vázquez, Serra de Alén e Ramón Bigotes).
O horario de apertura dos stands será o seguinte: venres de 19.30 a 24.00 h. (venda anticipada a partir das 19.00 horas), sábado 10 de 12.30 a 14.30 h. e de 19.30 a 01.00 h., e domingo 11 de 12.30 a 14.30 h e de 19.30 a 24.00 h. E os prezos de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.
Ademais dos stands das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os gustos (La Alacena para llevar, Panadería Roscas, Cárnicas de Feces, Matilde Waffles e Gelados, Alacena-Puebla de Sanabria, Jamones Don Francisco, Conservas Regiomare, Queiseria Gaia, Xavier dos Leitões e Casa do Pulpo).
A inauguración da XVII Feira Viño de Monterrei terá lugar mañá 09 de agosto, a partir das 20 horas, na praza García Barbón, e o pregón correrá a cargo do enxeñeiro técnico agrícola Xosé Paz Paz. Con todo, ás 18.30 horas, celebrarase na Igrexa Parroquial de Verín, o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. Nesta ocasión recaerán en Domingo Rodríguez Villar, Floriano Barreira Santos, José Luis Suárez Conde, Alfonso Villarino Rodríguez e Álvaro Bueno Eléxpuru. A entrada será libre ata completar aforo.
Xa nas xornadas do 10 e 11 de agosto, levaranse a cabo catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de xogos populares infantís. Están previstas ‘Elaboracións, variedades e chans da D.O. Monterrei” (ás 13 horas do sábado, a cargo de David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía), ‘Sinfonía de sabores: harmonía de viños de Monterrei, gastronomía e música’ (coa participación de Begoña Vázquez -O Regueiro da Cova-, Miguel López -director técnico do C.R.D.O. Monterrei- e José Manuel Salgado -profesor do CMUS Verín-). Será tamén o sábado, pero xa ás 20 horas. E a última delas será ‘O Godello: tipicidade e misterios do rei dos brancos’, o domingo ás 13 horas (impartida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres – AGASU).