Os viños de seis adegas rexistradas no Consello Regulador da D.O. Monterrei formaron parte da cata dirixida polo Master of Wine Pedro Ballesteros, e impulsada desde ACRUAGA (Asociación de CC.RR. Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia).
Na devandita iniciativa, na que Ballesteros estivo acompañado por Miguel López, director técnico do C.R.D.O. Monterrei, cataron a cegas trece viños da denominación, nove brancos e catro tintos, das adegas participantes nesta actividade: Triay, Castro de Lobarzán, José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Trasdovento, Vía Arxéntea e Manuel Vázquez Losada.
Os resultados formarán parte dos Informes Españois do Club Oenologique para 2025. Un resumo do mesmo publicarase na prestixiosa revista impresa Club Oenologique, ademais de poder consultalo de forma completa de maneira en liña. Club Oenologique é unha plataforma de prestixio que inclúe unha revista, unha plataforma dixital e eventos exclusivos. E nesta ocasión, o informe presentado por Pedro Ballesteros está dirixido aos consumidores de viños de alta gama, polo que se destacará na sección Colección do sitio web.
“Esta actividade supón unha ocasión única para proxectar a excelencia dos viños de Monterrei no mercado global, e ter a Pedro Ballesteros catando e valorando os nosos viños é unha gran oportunidade para mostrar a riqueza e o potencial da denominación”, destaca o presidente da entidade, Manuel Vázquez.
O C.R.D.O. Monterrei continuará a traballar, ao longo do 2025, en accións promocionais nacionais e internacionais destinadas a posicionar os seus viños como referentes de calidade e prestixio.