A sede da entidade acolleu unha reunión do Comité de Certificación da Denominación de Orixe Monterrei, destinada a valorar a certificación dunha nova adega do territorio vitivinícola.
Unha vez o Comité constatou que esta superou todos os requisitos necesarios, a adega Terra de Godello, S.L. (situada en O Rosal -Oímbra-) pasa a certificar os seus viños baixo a tipoloxía: branco Monterrei. Esta certificación posibilita que a adega utilice na etiquetaxe das súas botellas as tirillas distintivas da D.O.
Con esta incorporación xa son 29 as adegas rexistradas e certificadas pola Denominación de Orixe Monterrei, que aglutina os municipios de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós. Os viñedos desta D.O. ocupan un total de 798,10 hectáreas de territorio nas que traballan 381 viticultores.