A Denominación de Orixe Monterrei volverá estar presente no salón Prowein, que se celebrará do 16 ao 18 de marzo, na cidade alemá de Düsseldorf.
Nesta edición participarán 35 viños (20 brancos e 15 tintos) pertencentes a 18 adegas rexistradas na denominación. As adegas asistentes a Prowein serán: Trasdovento, Minius, Pazo das Tapias, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar, Vía Arxéntea, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
É a sexta ocasión que o C.R.D.O. Monterrei forma parte desta feira vitivinícola, que o pasado ano contou con máis de 47.000 visitantes profesionais rexistrados de 135 países e 5.400 expositores. Acudirase ao amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto coas restantes denominacións vitivinícolas galegas, e baixo o formato de Túnel de Viño presentaranse non só os tintos e brancos participantes senón tamén o territorio vitivinícola, as súas características edafoclimáticas ou tipoloxía de uvas ou viños, entre outras cuestións.
“Prowein é unha cita clave no calendario feiral da denominación, xa que congrega ao sector da distribución, importación-exportación, Horeca ou retail”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada. “A nosa participación non só reforza a imaxe de marca, senón tamén o noso compromiso con Alemaña, un dos principais mercados internacionais para os viños de Monterrei”, finaliza.
Para acceder a este sitio, debes ser mayor de edad en tu paìs de residencia. Al hacer click en 'Si', aceptas el Aviso Legal y la Política de Privacidad de este sitio.