Durante os días 26 e 27 de setembro, os brancos e tintos de Monterrei serán protagonistas de tres actividades destinadas á canle Horeca e escolas de hostalería en Zaragoza.
A primeira delas terá lugar o día 26, a partir das 20 horas, na sala de catas Enoteca Khantaros. Un lugar de referencia en Aragón para cata de viños, que conseguiu no ano 2021 o galardón do Grupo Gourmet como mellor tenda de viños especializada en España. Esta actividade estará conformada por unha presentación, na que se mostrarán aos/ás socios/as de devandita enoteca, as características edafoclimáticas, tipoloxía de viños e cultura vitivinícola de Monterrei, entre outras cuestións; ademais de coñecer as diferentes elaboracións a través dun túnel de viños da denominación.
Xa na xornada do 27 de setembro, entre as 9 e 11 horas, o I.E.S. Miralbueno Hostalería e Turismo de Zaragoza acollerá a actividade ‘As portas do viño de Galicia: Monterrei’. A mesma estará destinada a unha trintena de alumnos/as e docentes deste centro, e nela presentaranse as peculiaridades deste territorio, e o que o diferencia doutras rexións vitivinícolas do país. Xa en horario de tarde, a sede da Asociación de Maîtres e Profesionais de Sala de Aragón, será testemuña dunha Masterclass para os membros da mesma. Dita iniciativa contará cunha sesión formativa sobre a denominación, cata de viños de Monterrei e harmonía dos mesmos con diferentes elaboracións gastronómicas de Aragón.
As adegas que formarán parte destas tres iniciativas promocionais en Zaragoza son as seguintes: Ladairo, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Franco Basalo, Trasdovento, Manuel Vázquez Losada e Manuel Regueiro García (Serra de Alén).
“Trátanse de tres iniciativas complementarias que permitirán mostrar o noso produto e territorio, a diferentes colectivos, desde o ámbito educativo, ás canles de hostalería e restauración”, destaca o presidente da entidade, Jonatás Gago, “e deste xeito reforzar a presenza dos nosos viños e adegas en Zaragoza, a quinta cidade máis grande do país, co obxecto de non só afianzar as canles de comercialización actuais, senón tamén abrir outros novos”.