O vindeiro martes 27 de abril, os tintos e brancos de Monterrei serán protagonistas dun Túnel do Viño da denominación que se celebrará en Lugo.
A capela de Santa María desta cidade acollerá a terceira acción promocional da denominación neste ano 2021, e na que participará unha trintena de viños de 18 adegas rexistradas na mesma. Durante dúas quendas, (un de 11 a 14 horas, e outro entre as 18 e 21 horas) co obxecto de cumprir todas as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, desenvolverase esta actividade destinada a catadoras, canle HORECA e escolas de hostalería, entre outras.
Durante a mesma, os asistentes poderán descubrir a historia e tradición vitivinícola de Monterrei, as súas peculiaridades edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxías de viño. Ademais de coñecer os brancos e tintos que se elaboran na denominación, da man das 18 adegas participantes nesta iniciativa promocional: Ladairo, Pazos del Rey, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
Para participar no Túnel de Viño da D.O. Monterrei en Lugo será necesario confirmar asistencia no teléfono 678 577 933 ou info@paadin.es, xa que as prazas son limitadas.
“Constitúe a terceira iniciativa promocional que leva a cabo este ano, algo fundamental para recuperar o vínculo directo cos nosos prescritores, así como para favorecer novas pontes de comercialización aos nosos asociados”, manifesta a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Dá Silva.