O C.R.D.O. Monterrei ratificou por oitavo ano consecutivo a súa condición de colaborador fixo de Expourense, o que lle permite estar presente en todas as accións promocionais, feiras e eventos organizados polo recinto para este ano 2023. A firma deste convenio correu a cargo do presidente do Consello Regulador, Jonatás Gago García, e o director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez. A D.O. Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015. Isto implica a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano, sobre todo en Portugal, a favor dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.
Esta colaboración especial para o 2023 inclúe ademais a participación directa como expositor en Ourense Vinis Terrae, o X Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, que terá lugar os días 5 e 6 de xuño. Contarán cun stand desde o que promocionar os viños da D.O. ante compradores e importadores dunha vintena de países que terán ademais a oportunidade de coñecer in situ unha das adegas desta Denominación. Ademais, prestará apoio ás adegas da D.O. Monterrei que participan con stand propio na feira.
O C.R.D.O. de Monterrei estará presente ademais en Xantar, o 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 2 e o 5 de novembro. Este Consello Regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia, dentro dos showcookings de Xantar, e organizarán unha cata comentada.
Coa firma do convenio, ambos os organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños e a enogastronomía en xeral, tanto en territorio nacional como no estranxeiro.
Rogelio Martínez mostrou a súa satisfacción pola ratificación do convenio que demostra como as entidades da provincia de Ourense confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos neste espazo de cooperación público-privada e de oportunidades de internacionalización para as empresas. Pola súa banda, Jonatás Gago afirmou que “Expourense trátase dun excelente escaparate para reforzar a imaxe de marca da D.O. Monterrei, debido ao gran número de eventos que se celebran no recinto feiral, ademais de dar a coñecer o produto que se elabora na denominación, tanto no ámbito nacional como o internacional. Sen esquecer, a oportunidade de estar presentes naqueles actos que a Fundación realiza fóra de Ourense e que gardan relación co noso sector, por exemplo o enoturismo”.