O C.R.D.O. Monterrei ratificou por noveno ano consecutivo a súa condición de colaborador fixo de Expourense, o que lle permite estar presente en todas as accións promocionais, feiras e eventos organizados polo recinto para este ano 2024. A firma deste convenio, que tivo lugar esta mañá na sede do Consello Regulador situada en Verín, correu a cargo do presidente da D.O. Monterrei, Jonatás Gago García, e do director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez. A D.O. Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015 e isto conleva a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano, sobre todo en Portugal, a favor dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.
O C.R.D.O. de Monterrei estará presente ademais en Xantar, o 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 24 e o 27 de outubro. Este Consello Regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia, dentro dos showcookings de Xantar, e organizarán unha cata comentada.
Ademais desta presenza directa, a promoción dos viños de Monterrei está presente en todas as feiras e eventos deportivos do calendario de Expourense a través da proxección de vídeos corporativos na pantalla xigante do pavillón do recinto. Coa firma do convenio, ambos os organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños e a enogastronomía en xeral, tanto en territorio nacional como no estranxeiro.
Rogelio Martínez mostrou un ano máis a súa satisfacción pola ratificación do convenio que demostra como as entidades da provincia de Ourense confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos neste espazo de cooperación público-privada e de oportunidades de internacionalización para as empresas.
Pola súa banda, Jonatás Gago tamén destaca o seu apoio a esta firma, que permite que “a marca Monterrei estea presente nun recinto feiral que alberga un importante número eventos ao longo do ano, ademais de dar coñecer os viños elaborados no territorio, tanto no ámbito nacional como o internacional”.