O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e ABANCA renovaron, un ano máis, a súa colaboración cun novo ocordo financeiro que medra con novas opcións de crédito para atender as demandas dos viticultores e adegas desta denominación de orixe.
O presidente do C.R.D.O. Monterrei, Jonatás Gago, e a directora de zona de ABANCA en Ourense Este, María José López, asinaron hoxe en Verín un novo convenio que reforza o compromiso da entidade financeira cun sector clave da economía local e estratéxico para Galicia.
O convenio proporciona aos integrantes desta denominación de orixe a oferta sectorial de ABANCA para o sector vitivinícola en condicions melloradas. O catálogo inclúe produtos financeiros que cobren necesidades esenciais, como unha póliza de crédito específica para o sector, cun prazo de ata cinco anos, ou diferentes fórmulas como préstamos para os gastos de campaña, anticipo para colleitas e subvencións ou anticipos para as axudas da PAC, entre outros.
Outro dos aspectos relevantes do acordo é a Liña de Financiamento Agro Multidestino de ABANCA, un produto que permite aos e ás profesionais unificar nun único contrato o financiamento máis habitual de circulante. Trátase dunha liña recurrente pioneira no sector e que permite agrupar tres destinos: o anticipo das axudas da PAC, os gastos das campañas agrícolas e o financiamento das primas de seguros agrarios contratados na entidade financeira. Deste modo, disporán dos fondos en función das necesidades que poidan xurdir ao longo do ano.
Así mesmo, o novo acordo ofrece outras liñas que teñen como obxectivo potenciar as inversións vinculadas a proxectos ligados á sostibilidade e, ademais, permite aos integrantes desta denominación de orixe acceder ás diferentes liñas de financiamento oficial incluídas nos convenios que a entidade mantén con diversos organismos públicos.
Doutra banda, co obxectivo de mellorar a calidade do servizo e proporcionar unha atención máis personalizada, a entidade financeira poñerá á disposición dos produtores e viticultores persoal especializado na xestión de seguros, que asesorará sobre as pólizas que mellor se adapten ás súas necesidades.