A última actividade promocional da D.O. Monterrei, celebrada en Asturias, contou cun centenar de profesionais procedentes de toda a provincia.
Ao longo de catro horas, e extremando as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, membros do sector da restauración e hostalería, sumilleres ou distribuidores, entre outros, coñeceron as peculiaridades desta denominación vitivinícola galega. Entre os asistentes ao Túnel do Viño da D.O. Monterrei en Asturias atopábase o catador Alberto Ruiz do restaurante Arbidel de Ribadesella, representantes dos restaurantes Del Arco (Oviedo), El Rincón de Adi (Oviedo), El Foralín (Oviedo), La Guarnicionería (Cangas de Onís), Punto & Coma (Lugones), La Cantina de Gascona (Oviedo), Cuatro Vientos (Avilés), Al Baile La Temprana (Oviedo) o Casa Topete (Piedras Blancas); así como responsables de distribuidoras Moutas, Taranco ou o blogger Sibaritastur. Así mesmo, os participantes nesta iniciativa da D.O. Monterrei puideron degustar os tintos e brancos das seguintes adegas: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Gómez Ibáñez, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
Esta iniciativa atópase dentro do ciclo de accións promocionais realizadas pola denominación para este 2021, que permitiu que os viños de Monterrei chegasen a cidades como Madrid, Alacante, Santander, Santiago de Compostela ou A Coruña. “Antes de finalizar agosto queriamos realizar unha actividade destas características en Asturias, un mercado próximo, que sempre nos recibe cos brazos abertos, e que nos permitiu mostrar o noso produto, de primeira man, ao sector de restauración, hostalería e distribución, co obxecto de non só reforzar a nosa presenza neste mercado senón de abrir novas vías de comercialización para as nosas adegas”, destaca a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva. “Desde logo, o feito de ser capaces de congregar a profesionais de toda Asturias foi todo un éxito, e marchámonos satisfeitos de mostrar, unha vez máis, a grandeza de Monterrei”.