A última iniciativa promocional da Denominación de Orixe Monterrei congregou a máis oitenta profesionais do sector da distribución e canle Horeca da cidade de San Sebastián.
Esta iniciativa, realizada no marco do showroom ‘Vidivinos’, tiña como finalidade dar a coñecer os viños que se elaboran na denominación, afianzar a imaxe de marca e impulsar a comercialización directa, entre outras cuestións. Neste evento participaron representantes de restaurantes como Dendategui Hermanos, Chapoo, Arzak, Akelarre, Portu Taberna, Calderón, Zazpi San Telmo, Oteiza, García Edén; ou distribuidores como Bebidas Ugalde, Exclusivas Mardu, Lukas Gourmet, Mikel Santos Sanchez y otro C.B, Solbes Gourmet, Anabi 2005, Ulzama, Amolasagasti, Errasti, Doowine, Garcia Edari Baketat, entre outros. Moitos deles achegáronse ata o espazo da D.O. Monterrei, do mesmo xeito que integrantes de asociacións de sumilleres, tendas especializadas, sociedades gastronómicas ou mesmo Jon Andoni Rementería (campión de España de Sumilleres en 2018). Neste espazo, ademais de degustar os brancos e tintos elaborados na denominación, os asistentes puideron coñecer as peculiaridades deste territorio vitivinícola, por exemplo, características de chan e clima, tipoloxías de viño ou tradición vitivinícola.
É a segunda ocasión, ao longo deste ano, que a denominación de orixe Monterrei forma parte do showroom ‘ Vidivinos’, no que estiveron presentes os viños de 21 adegas: Ladairo, Pazos del Rey, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Abeledos, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
“A participación no showroom ‘Vidivinos’ de San Sebastián finalizou cun éxito de asistentes ao espazo da D.O. Monterrei”, indica a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva. “Non é a primeira ocasión que Monterrei realiza unha acción promocional nesta cidade, e seguiremos téndoa na nosa lista de indispensables, xa que sempre nos atopamos cun alto nivel participativo de profesionais da hostalería, e representa un mercado crave para os nosos viños”.