O auditorio de Verín foi testemuña da celebración da Confraría dos Viños de Monterrei, destinada a recoñecer a figura de persoas que contribuíron na promoción e defensa da calidade dos viños da Denominación de Orixe Monterrei.
Neste acto de imposición de medallas nomeáronse dous novos confrades: Emilio González Afonso (subdelegado do Goberno en Ourense) e María Isabel Mijares y García-Pelayo (a primeira muller enóloga de España e a primeira en presidir un consello regulador vitivinícola).
No caso de González Afonso, a súa elección aséntase en ser un dos impulsores da Feira do Viño de Monterrei, xa que a primeira edición da mesma tivo lugar no ano 2005, cando era alcalde do municipio de Verín. Mentres que Mijares y García-Pelayo, unha das personalidades do sector do viño de maior prestixio a nivel internacional, formou parte de numerosas das iniciativas promocionais e formativas impulsadas na última década desde a D.O. Monterrei.
O acto da Confraría dos Viños de Monterrei, encabezado pola presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva Rodríguez, contou coa participación do conselleiro do Medio Rural, o vicepresidente da Deputación de Ourense, alcaldes das comarcas de Monterrei-Conso Frieiras, membros da Confraría, viticultores/as, adegueiros/as, integrantes do panel de cata, vogais do pleno ou representantes doutros consellos reguladores vitícolas e de produtos de calidade diferenciada galegos, entre outros.
No devandito acto tamén se realizou un recoñecemento á Deputación de Ourense, polo apoio mostrado coa denominación, así como ás adegas, viticultores/as, catadores/as e persoal técnico que conforman a entidade vitivinícola.
A Confraría dos Viños de Monterrei foi creada no ano 2013, e conta na actualidade con 46 membros (algúns deles nomeados a título póstumo). Aínda que inicialmente esta iniciativa realizábase durante a celebración da Feira do Viño no mes de agosto, nesta edición trasladouse ao mes de decembro, coa finalidade contar cun acto propio destinado a enxalzar os viños de Monterrei e a súa promoción.