O territorio amparado da denominación de orixe Monterrei recibiu a visita de 17 formadores internacionais, da man de Wine Scholar Guild, que coñeceron, de primeira man, o potencial vitivinícola da zona, así como o traballo realizado polo sector.
Durante a xornada, estes formadores procedentes de diferentes puntos de Europa, América, Asia e Oceanía achegáronse ata as adegas José Luis Mateo García (Quinta da Muradella) e Gargalo, onde visitaron os seus viñedos, instalacións, ademais de descubrir diferentes elaboracións vínicas. Así mesmo coñeceron o castelo de Monterrei e participaron nun Túnel do Viño na sede do Consello Regulador, no que degustaron brancos e tintos das seguintes adegas rexistradas: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Regueiro García (Serra de Alén).
Os formadores participantes nesta iniciativa foron Victoria Aldwinckle (Kent Wine School), Helena Edgerton (Sydney Wine Academy), Pedro Fadanelli (Escola Celebrare Brazil), Caitlin Ferguson (Vinsanity/Cru Consultancy), Jessica Hue Williams (South London & West London Wine Schools), Ahyoung Jeong (Seoul School of Wine), Sylvia Liu (La Violette), Chris Martin (Wine Scholar Guild), Alberto Martinez Interiano (Wine & Spirit Archive, Cellar Muse), Simone Popov (San Francisco Wine School), Ryan Robinson (Brescome-Barton), Quentin Sadler (West London Wine School & WSG), Eric Sandberg (Texas Wine School), Nika Shevela (Berlin Wine School/Wine Alphabet), Jimmy Smith (West London Wine School), Rick Fisher (Wine Scholar Guild) e Jorge Vila (Galicia Wine Academy).
Wine Scholar Guild é unha das entidades de coñecemento de referencia mundial, líder en organización de programas de certificación especializados nos viños de Francia, Italia e España, cunha rede de escolas que abarca 30 países e 5 continentes. A programación desta experiencia enolóxica, que se atopa homologada pola propia entidade, foi impulsada desde a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga). A mesma, tamén conta co apoio do Igape, e inclúe unha visita ás cinco denominacións de viño galegas, así como ao consello das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
“A participación en accións destas características permite achegar ata Monterrei á elite de formadores vitivinícolas internacionais, que mostraron un gran interese polas nosas variedades e elaboracións, destacando a súa calidade, así como o traballo realizado polo sector nos últimos anos”, manifesta o presidente da entidade, Jonatás Gago García.