Un amplo programa de actividades, aptas para todos os públicos, sucederanse durante as xornadas da XVI Feira do Viño de Monterrei, co obxecto de converter a esta cita nun evento vitivinícola ineludible.
Ademais de apartado musical e cultural, que terá lugar durante as tres xornadas da feira, tamén está contemplada a realización de catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de actividades tradicionais para os máis pequenos da casa.
A primeira delas será ‘Introdución á cata dos viños de Monterrei’. Celebrarase o sábado 12 de agosto, a partir das 13 horas, e ten por obxecto a realización dunha viaxe polos distintos estilos da denominación, onde o público non só aprenda unha idea de como catar viños senón tamén valorar o alto nivel conseguido nos viños deste territorio amparado, a través das diferentes variedades cultivadas. Esta actividade correrá a cargo de David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía desde o ano 2021, graduado en enoloxía e director técnico dunha adega galega.
Ese mesmo día, pero xa ás 20.30 horas, terá lugar a actividade ‘Showcooking de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova) e cata-harmonía con viños da D.O. Monterrei (Miguel López, director técnico do C.R.D.O. Monterrei)’. Na mesma, os asistentes descubrirán diferentes elaboracións culinarias que serán maridadas con viños brancos e tintos da denominación, que lles permitirá experimentar diferentes sensacións e texturas enogastronómicas.
Na xornada do domingo, ás 13 horas, organizarase a actividade ‘Embaixadores de Monterrei’. A mesma está dirixida a todo tipo de persoas con curiosidade polo mundo do viño, e buscará debullar e poñer en valor os viños da denominación, mencionando variedades, chans e climas. Será impartida por Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres – AGASU, ademais de sumiller formado no Instituto Galego do Viño, formador no mesmo centro durante dez anos, e organizador de diferentes eventos para revalorizar o viño galego ao longo da xeografía nacional.
Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 5 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse nun espazo habilitado para iso, situado na zona norte do parque da Alameda.
Doutra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 12 e 13 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, billar aéreo, tangram ou ra, entre outros. Non é necesaria a inscrición previa, e a área infantil establecerase na zona sur do devandito parque.