A D.O. Monterrei acaba de recibir a Beth Willard, experta internacional en viños e representante do Master of Wine Tim Atkin, que se achegou ata o territorio vitivinícola para descubrir as singularidades do mesmo, así como os proxectos vitivinícolas de vinte adegas inscritas.
Todo co obxecto de preparar un informe detallado con puntuacións sobre os viños galegos no marco das publicacións especiais que emiten sobre as distintas denominacións de orixe; e que proporcionará aos elaboradores de Monterrei unha ferramenta clave para impulsar as súas marcas en mercados internacionais, aumentar a súa visibilidade e abrir novos mercados.
Durante o seu percorrido por Monterrei descubriu, de primeira man, o traballo realizado polas adegas Terras do Cigarrón, Gargalo, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Pazos del Rey, José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Manuel Vázquez Losada e Pazo das Tapias. Ademais de visitar os viñedos e instalacións das mesmas, coñeceu as súas elaboracións vitivinícolas, os proxectos que teñen en marcha e os responsables á fronte delas.
Doutra banda, na sede do Consello Regulador realizouse un Túnel do Viño, que permitiu a Beth Willard catar os brancos e tintos doutras trece adegas da denominación: Ladairo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Triay, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Pazo de Valdeconde, Tabú, Trasdovento, Quinta Soutullo, Manuel Regueiro García (Serra de Alén) e Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes).
Nesta viaxe por Monterrei, Willard catou case 90 viños (brancos, tintos, monovarietales ou coupage), de diferentes colleitas, desde 2008 ata a de 2023, comprobando deste xeito a evolución dos mesmos no tempo.