Catas comentadas, xogos populares ou showcookings son algunhas das actividades previstas no marco da XVII Feira do Viño Monterrei, que terán lugar a próxima fin de semana na localidade de Verín.
A primeira destas actividades será ‘Elaboracións, variedades e chans da D.O. Monterrei’. O sábado 10 de agosto, ás 13 horas, e estará impartida por David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía. Nesta iniciativa mostraranse diferentes elaboracións vitivinícolas amparadas pola D.O. Monterrei, destacando a importancia das variedades e os chans.
Na mesma xornada, ás 20 horas, realizarase ‘Sinfonía de sabores: harmonía de viños de Monterrei, gastronomía e música’ con Begoña Vázquez (Mellor cociñeira galega do ano e responsable de O Regueiro da Cova), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín). Durante devandita actividade os participantes descubrirán diferentes elaboracións culinarias, maridadas con viños da denominación, e acompañadas por un pequeno concerto acústico de guitarra.
O domingo 11, ás 13 horas, organizarase a cata ‘O Godello: tipicidade e misterios do rei dos brancos’. Nesta iniciativa, a través dunha cata a cegas, ensinaranse as características do Godello de Monterrei, as diferenzas con outras zonas vitivinícolas, e a seña de identidade desta variedade branca. A mesma correrá a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres – AGASU.
Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 5 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas celebraranse nun espazo habilitado para iso, situado na zona norte do parque da Alameda.
Doutra banda, durante o 10 e 11 de agosto, o público infantil contará con actividades específicas para eles. Realizaranse na zona sur do parque da Alameda, entre as 20 e 22 horas, e estarán conformadas por xogos populares como ra, 3 en raia ou tangram, entre outros. Neste caso non é necesaria a inscrición previa.