A localidade de Verín acollerá, do 11 ao 13 de agosto, unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei.
Nesta ocasión estarán presentes un total de 18 das 28 adegas que conforman a denominación, “o que demostra o gran apoio do sector ao noso principal evento vitivinícola”, destaca o presidente do @Consello Regulador da D.O. Monterrei, Jonatás Gago García.
O alcalde verinés, Gerardo Seoane Fidalgo, quixo facer un chamamento público a veciños/as e visitantes “para que se acheguen ata a vila do Támega, nas datas nas que se celebra a Feira e gocen dos excelentes viños de Monterrei, así como da completa oferta cultural e gastronómica do que é, sen dúbida, un dos eventos máis importante e de maior afluencia de público de Verín e comarca”.
Esta cita volverá realizarse, como foi habitual nas pasadas edicións, na praza da Alameda. Ademais dos stands das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O horario de apertura dos stands incrementarase con respecto ao ano 2022, e será o seguinte: venres 11 de 19.30 a 24.00 h. (venda anticipada a partir das 19.00 horas), sábado 12 de 12.30 a 14.30 h. e de 19.30 a 01.00 h., e domingo 13 de 12.30 a 14.30 h e de 19.30 a 24.00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.
O acto inaugural da XVI Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 11, a partir das 20.00 horas, na praza Maior. A persoa responsable de realizar o pregón, cun gran prestixio televisivo, será anunciada nas próximas xornadas.
Previamente á devandita inauguración, na Igrexa Parroquial de Verín, ás 18.30 horas, terá lugar o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, que volve realizarse en conxunto coa celebración da feira.
Axenda de actos
Cultura, gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño de Monterrei, entre as que se incluirán diversas actividades paralelas destinadas a adultos e público infantil. As mesmas celebraranse na praza Maior e no interior do parque da Alameda, ao longo das xornadas do 11, 12 e 13 de agosto.
Mentres que para os/as nenos/as están previstos xogos infantís populares, en horario vespertino, para o público adulto contémplanse a realización de catas e showcookings, para o que son necesarios unha inscrición previa. Están previstos o sábado en horario de mañá e tarde, e o domingo 13 só en horario de mañá. Ao longo desta semana anunciaranse as persoas encargadas de impartilos, horarios e modo de realizar a inscrición.
Segundo confirmou a concelleira de Cultura e Festexos, Samanta Barreira, tamén haberá unha completa programación musical especialmente preparada para o goce de todos os públicos. “Cunha coidadosa selección de seis propostas variadas, este ano traballamos arduamente para crear un repertorio excepcional que satisfaga os gustos de todas as persoas que nos acompañen neste evento único”.
O venres 11, a partir das 20:00 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín amenizará o acto inaugural oficial coa súa música en directo. Xa pola noite, ás 00:00 do sábado 12, será a quenda da banda tributo a Los Secretos, o mítico grupo de pop-rock español, que fará vibrar ao público coas súas cancións máis emblemáticas.
O sábado 12, a música seguirá sendo a protagonista, con animación en directo entre as 13:00 e as 14:00 horas, que amenizará o ambiente no recinto feiral. Pola tarde, entre as 20:00 e as 22:00 horas, unha charanga tradicional percorrerá todo o recinto da feira, animando aos asistentes co seu repertorio variado e festivo. Xa na madrugada do domingo 13, ás 1:00 horas, o escenario da praza García Barbón acollerá o concerto de The Rapants, unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018, que achega frescura ao panorama musical galego con temas animados e directos cargados de enerxía.
O domingo 13, último día da feira, volveremos contar con animación musical da man dunha charanga tradicional, entre as 13:00 e as 14:00 horas, en recinto feiral. E para pechar o evento, nada mellor que gozar do espectáculo de Fillas de Cassandra, un dúo musical galego -que toma o seu nome da mitoloxía grega- formado por María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro, que basea a súa música na tradición musical e oral, feminismo e os sons máis modernos e vangardistas. As súas emotivas e desenfadadas composicións logran conectar cun público interxeracional cun activismo feminista, levándoo por unha viaxe entre o presente e o pasado coas heroínas da mitoloxía clásica como protagonistas. Este concerto final, que clausura esta edición da Feira do Viño será ás 00:00 horas de madrugada do luns 14 de agosto.
Adegas participantes, stands gastronómicos e colaboradores
O presidente do Consello Regulador indicou o nome das 18 adegas participantes na próxima edición da Feira do Viño de Monterrei, e que son as seguintes:
Bodegas Ladairo
Gargalo
Adega Valderello
Crego e Monaguillo
Quinta do Buble
Adega Terras do Cigarrón
Triay
Adegas Terrae
Tapias Mariñan
Fragas do Lecer
Vía Arxéntea
Bodega Abeledos
Pazo de Valdeconde S.L.
Franco Basalo
Adegas Daniel Fernández
Quinta Soutullo
Manuel Vázquez Viticultor
Serra de Alén
Con respecto aos postos de gastronomía, dúas máis que na pasada edición, estarán presentes La Alacena para llevar, Panadería Roscas, C. Regueiro, Filloas/Crêpes, Alacena-Puebla de Sanabria, Jamones Don Francisco, Conservas de Santoña, Queixería Gaia e Casa do Pulpo.
Para finalizar, quixeron agradecer a implicación das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Diputación de Ourense, Inorde, Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, e Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural (FEADER).