A cidade de San Sebastián foi testemuña da última actividade promocional da Denominación de Orixe Monterrei, que congregou a medio centenar de profesionais do sector da distribución e canle Horeca.
Esta iniciativa tiña como finalidade dar a coñecer os viños que se elaboran na denominación, afianzar a imaxe de marca e impulsar a comercialización directa, entre outras cuestións. Neste evento participaron representantes de restaurantes como Arzak, Akelarre, Mirador de Ulía, Bailara Restaurant, Galerna Jan Edan, Rekondo, Iñigo Lavado, Hotel de Londres y de Inglaterra ou Mikel Bengoa. Ademais membros da Asociación de Empresarios de Hostelería, El Diario Vasco, Cofradía Vasca de Gastronomía ou Escuela Superior de Hostelería de Bilbao, entre outros.
Na devandita acción promocional ademais de degustar os brancos e tintos elaborados na denominación, os asistentes puideron coñecer as peculiaridades deste territorio vitivinícola, por exemplo, características de chan e clima, tipoloxías de viño ou tradición vitivinícola. Na mesma estiveron presentes os viños das seguintes adegas: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Terrae Monterrei (Adegas Terrae), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) y Manuel Vázquez Losada.
“San Sebastián é unha das cidades inalterables no noso calendario de iniciativas promocionais, xa que sempre contamos cun alto nivel participativo de profesionais do sector de hostalería e restauración, o que é clave para manter o mercado e abrir novas vías de comercialización”, destaca a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva. Así mesmo engade que “de feito segundo os datos de mercado ofrecidos por Nielsen, San Sebastián forma parte dunha das áreas que Monterrei debe coidar posto que xa existe unha masa crítica de consumo, e é importante para nós seguir traballando para crecer en cota de mercado”.