A cidade de Lugo foi testemuña da última actividade promocional da Denominación de Orixe Monterrei, na que estiveron presentes máis de sesenta profesionais da Canle Horeca da devandita urbe.
En dúas sesións, e mantendo todas as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, a capela de Santa María de Lugo acolleu unha ampla representación do sector de distribución, hostalería, catadoras ou restauración entre outros. Entre os mesmos atopábanse representantes de Vinoteca Kike, Hotel Méndez Núñez, El Santuario, Mesón da Rúa, O Camiño, Mesón O Castelo, Parrillada Caminito, Pulperia A Lareira, Vinoteca 101 Vinos, Taberna Daniel, Mesón Colón, Pulpería Mario, Cafetería Eduri, Distribuciones Dislugo, Distribuciones Lucus Cal, Estrella Galicia ou Distribuciones Vinisi. Ademais de profesores e alumnos de escolas de hostalería, ou os responsables das áreas de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo.
Os participantes nesta iniciativa recibiron información sobre as características edafoclimáticas deste territorio vitivinícola, a súa tradición e historia, ademais de variedades de uva ou tipoloxías de viño. Así mesmo puideron coñecer as peculiaridades dos viños das 18 adegas que formaron parte desta acción promocional: Ladairo, Pazos del Rey, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
“Retomar a promoción cara a cara é unha das nosas prioridades este ano, e as cifras de participantes nas nosas accións demostran que é o camiño correcto”, destaca a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, “por iso, e respectando sempre as medidas hixiénico-sanitarios, seguiremos incentivando accións destas características, achegando o produto aos nosos prescritores e permitindo, dentro das nosas posibilidades, que as nosas adegas amplíen as súas canles de comercialización”, conclúe.