O C.R.D.O. Monterrei, tendo en cuenta as circunstancias sanitarias actuais e o incremento de casos positivos de Covid-19 na comarca de Monterrei, suspende a celebración tradicional da Feira do Viño de Monterrei, prevista para o mes de agosto.
“Foi unha decisión moi meditada e estudada, valorando todos os pros e contras, e na que se contou coa opinión das adegas rexistradas e os vogais do Pleno”, manifesta a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez, “así como tamén co Concello de Verín, que como sabe, é o noso principal colaborador”.
“Levamos moito tempo traballando na organización da feira, desde o espazo, localización das casetas, control de aforos ou aplicación de directrices sanitarias, etc.; e aínda que a todos nos entristece tomar esta decisión, consideramos que é a máis correcta para protexer a saúde dos nosos veciños, e evitar así a propagación do COVID-19 na comarca”, indica a presidenta.
Así mesmo, Da Silva engade que “hai xa días que nos atopamos con datos pouco alentadores na zona, e por iso debemos facer un exercicio de responsabilidade e empatía. Primeiro, un exercicio de responsabilidade para coa sanidade pública, e segundo, un exercicio de empatía co sector hostaleiro da comarca. O noso produto depende en boa parte da actividade económica do sector hostaleiro en xeral, e desde logo, non sería pola nosa banda nada coherente e elegante, organizar un evento que, poida ser sinalado, sendo certo ou non, como a causa de futuros contagios. E que sirva para que se volva a poñer en dúbida a actividade económica de devanditos profesionais, provocando medidas máis restritivas, e castigando de novo a un sector, neste caso o da comarca, que como todos sabemos, xa se viu fortemente castigado pola pandemia”.
“Esperamos poder retomar a celebración da feira o próximo ano, xa que se trata dun dos eventos máis significativo e con maior carga emocional da nosa denominación, debido a que participan man a man adegas, viticultores e o propio consumidor, e o que supón unha cita enoturística fundamental para a comarca”, conclúe a presidenta. “Pero hoxe, e a pesar de que todos queremos volver á ansiada normalidade, debemos ser prudentes e actuar con ‘ sentidiño’, para manter polo menos o que conquistamos.”No caso de que se programe algunha actividade alternativa comunicarase, nas próximas datas, a través dos medios oficiais do C.R.D.O. Monterrei.