O C.R.D.O. Monterrei participará, un ano máis, na Feira do Lázaro, que terá lugar esta fin de semana no pavillón municipal de deportes de Verín.
Esta edición, a denominación de orixe promoverá a organización dun Túnel do Viño, no que estarán presentes referencias de 22 das 27 adegas que conforman Monterrei. Neste espazo, os asistentes poderán coñecer e degustar os viños que se elaboran neste territorio amparado, así como recibir información sobre a historia do mesmo, peculiaridades de clima e chan, tradición vitivinícola ou variedades de uva, entre outras cuestións.
O horario de funcionamento deste Túnel será de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e contará coa presenza dos técnicos e a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva; así como a sumiller Marina Cruces, subcampioa nos anos 2009 e 2011 do Campionato Galego de Sumilleres. Para entrar no mesmo será necesario adquirir unha copa e un ticket de entrada ao Túnel (copa a dous euros e ticket por un valor de cinco euros). As adegas que estarán presentes nesta iniciativa son: Trasdovento, Pazo das Tapias, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terrae Monterrei, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
“A participación nesta feira permite achegar, ao noso consumidor máis próximo, o produto amparado baixo o noso selo de calidade”, indica a presidenta, “ademais de retomar as nosas accións promocionais na comarca, reforzando o vínculo entre elaborador e consumidor. Sempre é gratificante volver a casa, e atoparnos cos nosos, ademais esperamos que sexa a antesala á próxima Feira do Viño de Monterrei”.
Cata maridaxe de viños da D.O. Monterrei
No marco da celebración da Feira do Lázaro, tamén está prevista a realización na xornada do domingo, ás 13 horas, dunha cata maridaxe de viños da denominación. A mesma terá lugar tamén no pavillón municipal de deportes de Verín, e será impartida polo director técnico do Consello Regulador, Miguel López, e a sumiller Marina Cruces.