Unha edición máis, os viños de Monterrei participarán en Barcelona Wine Week, que se celebra entre o 05 e o 07 de febreiro. Trátase da terceira ocasión que a denominación se promociona neste foro vitivinícola, no que se agarda a participación de 850 adegas e máis de 70 selos de calidade.
A D.O. Monterrei contará cun stand propio, no que todos/as os/as que se acheguen recibirán información sobre a tradición e historia vitivinícola, variedades de uva, características edafoclimáticas ou tipoloxía de viños, entre outros aspectos. Ademais, poderán coñecer de primeira man, as elaboracións das seguintes adegas rexistradas: Pazo das Tapias, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
Coa participación nesta feira, a D.O. Monterrei busca incidir sobre o sector profesional, “estarán presentes 650 grandes compradores e importadores de países estratéxicos como Estados Unidos, Alemaña, Canadá, Países Baixos, Reino Unido ou China”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Jonatás Gago García, “sen esquecer os preto de 1.000 compradores nacionais e os 20.000 visitantes profesionais que tamén visitarán a feira”. “Por este motivo, a participación de Monterrei non só reforzará a nosa imaxe de marca, senón que tamén axudará a impulsar novas canles de distribución e comercialización ás nosas adegas”, conclúe o presidente.