Os viños de Monterrei estarán presentes na Barcelona Wine Week, que se celebra entre o 04 e 06 de abril. Trátase da primeira vez que os brancos e tintos da denominación promociónanse neste foro vitivinícola, no que se agarda a participación de 600 adegas e a visita de preto de 20.000 profesionais.
A D.O. Monterrei contará cun stand propio, no que todos/as os/as que se acheguen recibirán información sobre a historia e tradición vitivinícola da zona, características edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxía de viño, entre outras cuestións. Ademais, poderán catar, in situ, as elaboracións das seguintes adegas rexistradas: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Da Silva (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei (Adegas Terrae), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
Coa asistencia a esta feira, a D.O. Monterrei pretende incidir sobre o sector profesional, “xa que a mesma reuniu na última edición, celebrada en febreiro de 2020, a 15.600 profesionais, un 13% deles procedentes de 54 países, e contouse coa presenza de máis de 1.000 compradores nacionais e 300 internacionais”, indica a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva. “Por tanto a presenza nesta feira reforzará a nosa imaxe marca, suporá unha importante plataforma para mostrar os nosos viños ao sector profesional, así como impulsar novas canles de comercialización para as adegas da denominación”, conclúe.