O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Jonatás Gago García, e o presidente do Inorde en funcións, Rosendo Fernández, asinaron hoxe na sede da D.O. en Verín, un convenio de colaboración entre ambas entidades para poñer en marcha un proxecto piloto de dixitalización e optimización do manexo de cultivo no ámbito territorial desta denominación de orixe.
Para elo, o Inorde instalará estacións agroclimáticas que cubran todo o territorio no que estende a Denominación de Orixe Monterrei, nos puntos que se consideren necesarios e adecuados para o funcionamento da rede que permita aos viticultores recibir un servizo de agricultura de precisión. “Poñemos en marcha esta iniciativa nesta Denominación de Orixe aproveitando que o Inorde conta cunha finca experimental neste territorio, para explorar os beneficios da instalación e uso de novas ferramentas dixitais que faciliten o traballo dos nosos viticultores, co obxectivo de que este proxecto piloto poida servir ao resto da provincia”, sinalou Rosendo Fernández.
Esta actuación permitirá instalar estacións agroclimáticas que permitan aos viticultores o uso dunha tecnoloxía de vangarda a través da cal obter información específica sobre a súa parcela, teña ou non instalada nela unha estación. A información obtida poderase integrar noutros sistemas e ferramentas, aportando un servizo global democratizado, continuando nesa liña de traballo que faga posible apostar pola sustentabilidade e que isto sexa compatible coa rendibilidade. Os datos e avaliacións que resulten do proxecto piloto poderán ser utilizados para implantar outros proxectos ou mesmo replicar este proxecto noutros territorios.
Pola súa parte, a Denominación de Orixe Monterrei comprométese, a través deste convenio, a que os viticultores divulguen os beneficios da agricultura de precisión que, neste proxecto piloto, permitirá a todos eles acceder a unha mesma aplicación e plataforma, na que terán acceso por igual ás funcionalidades activadas na primeira fase, e na que cada viticultor poderá elixir activar novos módulos segundo o seu interese, de forma totalmente compatibles cos que se iniciará na segunda fase.
Outro dos obxectivos que se perseguen con esta iniciativa “é obter datos para poder desenvolver experiencias que sirvan para reforzar as candidaturas a proxectos de maior envergadura e investimento, tal e como se está a traballar nestes momentos para presentar un sobre bioeconomía forestal no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”, explicou o presidente do Inorde en funcións.
Por outro lado, a posta en marcha deste sistema permitirá aos viticultores contar con datos precisos non que basearse para decidir a conveniencia ou non de empregar un tratamento fitosanitario, así como a súa correspondente xustificación no caderno de campo que teñen que cubrir obrigatoriamente. Así mesmo, á marxe de todo isto, a implantación deste proxecto, unha vez que estea en funcionamento, axudará a que os viticultores reduzan o emprego de produtos fitosanitarias -co correspondente aumento da rendibilidade que isto supón para eles- e obter produtos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente.