O C. R.D.O. Monterrei e ABANCA afianzan o seu traballo conxunto e renovan o convenio de colaboración que manteñen en vigor. A entidade financeira e o Consello Regulador avanzan un novo chanzo na súa estratexia de compromiso co sector vinícola en Galicia, que é especialmente relevante na economía produtiva da provincia de Ourense.
A presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara da Silva, e a directora de zona de ABANCA en Ourense Sur, María José Pérez, foron as encargadas de asinar hoxe en Verín o novo texto e activar así as novas opcións de crédito deseñadas para facer fronte ás necesidades de viticultores e adegas pertencentes a esta denominación de orixe.
O catálogo inclúe unha oferta creada especificamente para este colectivo, cunhas condicións melloradas na contratación e con produtos adaptados ás súas demandas. Para facer fronte ás necesidades máis perentorias, os viticultores do C.R.D.O. Monterrei terán acceso a unha conta de crédito deseñada para financiar os gastos de abono, fertilizantes, poda e outros aspectos da actividade do sector. Tamén, contarán cun prazo de ata cinco anos, que lles permitirá aforrar gastos de intervención notarial.
Os produtores da D.O. Monterrei tamén optarán a produtos como liñas de comercio exterior, financiamento mediante leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos. Así mesmo, no caso de poñer en marcha investimentos para mellorar a competitividade das súas explotacións agrarias, crecer ou afrontar retos estratéxicos, o colectivo contará con outras solucións como préstamos específicos con prazos de amortización amplos e intereses baixos.
Doutra banda, poderán gozar das fórmulas de financiamento oficiais que o banco inclúe nos convenios con diversos organismos públicos, como a Liña ICO – COVID 19, que se axusta as novas demandas debido á situación sanitaria que estamos a vivir. Sen esquecer, os seguros específicos para o sector, como a liña AGRO Seguro, Seguro de Explotación Agraria ou PEME Adegas, entre outras cuestións.
“Coa renovación deste convenio buscamos que os nosos viticultores e adegas poidan optar a produtos e servizos que sexan de utilidade para o seu funcionamento diario”, destaca a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Dá Silva, “ademais estamos nun momento no que é importante que todos unamos forzas para preservar a estabilidade do tecido empresarial, máxime se falamos dun sector como o noso, primordial na economía da comarca de Monterrei”.