O vindeiro luns 10 de agosto, o Real Club Naútico de Vigo acollerá a realización dunha nova actividade promocional de Monterrei, na que participarán 21 adegas da denominación.
Durante dúas quendas (de 12 a 14 horas, e de 17 a 21 horas), abriranse as portas deste Túnel do Viño de Monterrei a catadores, profesionais do canle HORECA, profesores e alumnos de escolas de hostalería, bloggers e medios de comunicación. Neste espazo, onde se cumprirán todas as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, presentaranse as características edafoclimáticas da denominación, variedades de uva, tipoloxía de viños, ademais da historia e patrimonio vitivinícola de Monterrei.
Doutra banda, os asistentes tamén poderán coñecer de primeira man, 39 marcas de viño das adegas participantes na iniciativa: Ladairo, Pazos do Rey, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Xusto, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, José Luis Gómez Ibáñez ( Valderello), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Pazo de Valdeconde, Castro de Lobarzán, Manuel Vázquez Losada, Terrae Monterrei ( Adegas Terrae) e Triay Adegas de Oímbra.
Para participar no Túnel de Viño da D.O. Monterrei en Vigo será necesario confirmar asistencia no teléfono 678 577 933 ou info@paadin.es, a fin de controlar o aforo. “É a segunda iniciativa destas características que promovemos nas últimas semanas”, destaca a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, “e agardamos que teña a mesma acollida que a da Coruña, xa que agora é o momento de consumir viño de Monterrei e, deste xeito, seguir apoiando aos nosos viticultores e adegueiros”.