A última actividade promocional da D.O. Monterrei, celebrada na Coruña, contou con máis dun centenar de profesionais procedentes de Ferrolterra, Costa da Morte, Santiago e A Coruña.
Durante dúas quendas, e baixo o lema “A máis atlántica das continentais e a máis continental das atlánticas”, hostaleiros, catadores, distribuidores, enófilos, profesores de hostalería das IES da Coruña, Santiago e Pontedeume, descubriron as peculiaridades desta denominación vitivinícola galega. Nesta iniciativa recibiron información sobre as características edafoclimáticas -chan e clima-, variedades de uva, tipoloxías de viño, proceso de elaboración dos mesmos ou importancia da viticultura na historia e economía da comarca.
Doutra banda, os participantes nesta iniciativa da denominación de orixe Monterrei puideron degustar os tintos e brancos das seguintes adegas: Ladairo, Pazos do Rey, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo, Tabú, Franco Basalo, Alba Ao-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, José Luis Gómez Ibáñez ( Valderello), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Pazo de Valdeconde, Castro de Lobarzán, Manuel Vázquez Losada, Terrae Monterrei ( Adegas Terrae) e Triay Adegas de Oímbra.
Para o desenvolvemento desta actividade implementáronse as pautas e recomendacións preventivas para eventos, congresos e feiras da guía editada polo ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia). Para iso, e co obxecto de garantir as medidas hixiénico-sanitarias, reducíronse o aforo e horarios, incrementouse a distancia entre as mesas, e as augas eran de uso persoal (así como as escupideras individuais); facilitouse xel hidroalcóholico en todas as mesas e máscaras hixiénicas ao dispor de todo o público asistente, entre outras cuestións.
Esta iniciativa atópase dentro do ciclo de accións promocionais realizadas pola denominación para este 2020, que permitirá que os viños de Monterrei visiten cidades como Vigo, Bilbao, Santander ou Barcelona.