A aula de Cata Paadin será testemuña, o vindeiro luns 06 de xullo, da realización dun Túnel do Viño cun total de 39 marcas de viño de 21 adegas incluídas na D.O. Monterrei.
Ao longo de dúas quendas (un de 12 a 14.30 horas, e outro entre as 17 e 21 horas), e extremando as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, profesionais do canle HORECA, catadores; así como alumnos e docentes de centros de hostalería e medios de comunicación daranse cita neste espazo para descubrir as peculiaridades dos brancos e tintos de Monterrei. Alí non só coñecerán as características de chan e clima do territorio, senón tamén as tipoloxías de viños, variedades de uva e a tradición e historia vitivinícola da comarca de Monterrei, a zona de Galicia que alberga unha maior concentración de lagares rupestres.
Doutra banda, tamén poderán descubrir o produto que se elabora na denominación, da man das 21 adegas que formarán parte desta iniciativa: Ladairo, Pazos do Rey, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Xusto, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, José Luis Gómez Ibáñez ( Valderello), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Pazo de Valdeconde, Castro de Lobarzán, Manuel Vázquez Losada, Terrae Monterrei ( Adegas Terrae) e Triay Adegas de Oímbra.
Para participar no Túnel de Viño da D.O. Monterrei na Coruña será necesario confirmar asistencia no teléfono 678 577 933 ou info@paadin.es, a fin de controlar o aforo.
“Esta acción está destinada a dar a coñecer o noso territorio, historia e produto, así como reforzar a nosa imaxe de marca”, indica a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Dá Silva. Ademais, “esta iniciativa permite que retomemos o ciclo de accións promocionais programadas para este ano, e que permitirá que os nosos brancos e tintos cheguen a cidades como Barcelona, Santander, Bilbao ou Vigo, entre outras”. “Agora máis que nunca é o momento de consumir viño con denominación de orixe Monterrei e apoiar a aqueles que levan anos apostando e arriscando polo rural galego”, conclúe a presidenta.