O Consello Regulador, dentro do seu programa de accións promocionais para prensa especializada nesta anualidade, acaba de levar a cabo a visita de nove prescritores ao territorio vitivinícola de Monterrei.
Nas dúas últimas xornadas, Alberto Luis Luchini Solano (revista 7 Caníbales), Andrés Proensa Aguado (director Planeta Vino / Guía Proensa), Manuel Moraga Ruiz (RNE. Un país de vinos), Ana Serrano Cuenda (Bodeboca), Alberto Matos Jorge (director Vivir el Vino), Sara Jiménez Adánez (Mercados del Vino), Antonio Candelas López Villalta (director Mivino e Guía del Vino Cotidiano), Enrique Calduch Carretero (xornalista El Español e colaborador en medios especializados) e Mª Ángeles Sánchez Vicente (xornalista The Objective e medios especializados) foron partícipes de diversas actividades relacionadas co viño e a viticultura.
Entre as mesmas atópase a visita a cinco adegas da denominación (Daniel Fernández, Terras do Cigarrón, Gargalo, Triay e Ladairo), ao lagar rupestre Xan Preto ou ao castelo de Monterrei, entre outras cuestións. Nas adegas puideron coñecer os viñedos, instalacións, e as diferentes elaboracións que se realizan nas mesmas.
“Os asistentes descubriron, de primeira man, a historia e tradición vitivinícola da zona, características edafoclimáticas, tipoloxías de viño, ademais do labor das cinco adegas participantes nesta iniciativa promocional”, indica o presidente da entidade, Jonatás Gago. “É a segunda viaxe de familiarización que realizamos neste ano, e non será o último, xa que nos permite ensinar, de modo íntegro, o proceso que vai desde a vide ata a botella, presentar o terroir, as nosas variedades, e por suposto, o traballo que realizan os nosos viticultores e adegueiros”.