A sede do Consello Regulador acolleu unha reunión do Comité de Certificación da Denominación de Orixe Monterrei, destinada a valorar a certificación dunha nova adega do territorio vitivinícola.
Unha vez o Comité constatou que esta superou todos os requisitos necesarios, a adega Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (situada en Mourazos -Verín-) pasa a certificar os seus viños baixo a tipoloxía: branco Monterrei e tinto Monterrei. Esta certificación posibilita que a adega utilice na etiquetaxe das súas botellas as tirillas distintivas da D.O.
Con esta incorporación xa son 29 as adegas rexistradas e certificadas pola Denominación de Orixe Monterrei, que aglutina os municipios de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós. Os viñedos de Monterrei ocupan 720 hectáreas de territorio, nas que traballan 375 viticultores.