A denominación de orixe Monterrei participará no Galicia Fórum Gastronómico, que se celebrará do 07 ao 09 de abril na Coruña.
O C.R.D.O. Monterrei formará parte do espazo conxunto da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). No mesmo poderanse degustar viños das seguintes adegas rexistradas na denominación: Trasdovento, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán) e Terras do Cigarrón.
No espazo de Monterrei tamén ofrecerase información sobre o territorio vitivinícola, historia, características de chan e clima, variedades de uva ou tipoloxía de viños, entre outros aspectos. Ademais, os brancos e tintos da denominación estarán presentes en dúas catas do programa de ‘Experiencias de Calidade’, unha será o luns ás 18.30 horas, e a segunda o martes 9, ás 14.30 horas (neste caso da man de IXP Tenreira galega).
“Coa asistencia a esta feira, a D.O. Monterrei pretende incidir sobre o sector profesional, xa que a mesma reúne a empresas do sector da distribución, hostalería e axentes de mercado, ademais de contar cun amplo programa de actividades”, destaca o presidente, Jonatás Gago García. “A pasada edición de 2022 recibiu 22.000 visitantes, así que a nosa presenza nesta feira reforzará a nosa imaxe marca, e supoñerá unha importante plataforma para mostrar os nosos viños ao consumidor e impulsar novas canles de comercialización”, conclúe o presidente.