O Concello de Verín colaborará coa Denominación de Orixe Monterrei coa instalación na Praza García Barbón dun mural xigante coa súa nova imaxe promocional, a campaña “Tempo de godello, tempo de Monterrei”. Durante os meses de duración da campaña, esta inciativa garante a consecución de máis de 30.000 impactos, co que a institución verinesa quere colaborar cun sector fundamental na comarca, do que é partícipe aspira a ser o seu principal escaparate.
Como membro da Ruta do Viño de Monterrei e capital comarcal, o Concello de Verín colabora desde a súa creación coa Denominación de Orixe Monterrei, con iniciativas tan importantes como a Feira do Viño. Recoñecendo o papel fundamental da vitivinicultura na comarca, e o momento decisivo no que se atopa, “nun periodo de gran recoñecemeno e expansión”, sinalou o alcalde, Gerardo Seoane, “queremos axudar con toda a nosa potencia de escaparate comarcal á difusión de todas as iniciativas que contribúan a dar a coñecer que somos unha potencia no mundo do viño”.
“Desde o Concello queremos recoñecer o bo momento que viven os viños de Monterrei, que como sector económico vital para a comarca sempre contaron co noso apoio, como non pode ser doutro xeito, e que entre todos debemos revitalizar aínda máis”, afirmou o rexedor.
Verín, como nodo administrativo e de servizos da comarca, ten un gran potencial “no fortalecemento da propia imaxe, da percepción e da autoestima da Denominación de Orixe Monterrei entre nós mesmos”, afirmou pola súa banda Jonatás Gago, presidente da D.O. Monterrei, “como un dos territorios do viño con maior proxección de Galicia e de España”, polo que temos que dar “un salto cualitativo con novas e máis potentes campañas de comunicación”.
Novo posicionamento como un dos viños de maior calidade
“Tempo de godello, tempo de Monterrei” e a nova aposta publicitaria da D.O. Monterrei, coa que busca situar a súa uva insignia na cabeza do consumidor e reforzar a súa identificación cun territorio único. Co obxectivo de impactar tanto na canle de restauración como no consumidor final, o Consello Regulador da D.O. Monterrei fixo unha forte aposta pola presenza en medios tradicionais de alto impacto, como carteleiría e estacións de tren principais cidades galegas, e tamén nos medios dixitais máis actuais, entre elas, un novo tipo de publicidade, innovadora e rompedora, que levará á D.O. Monterrei a Mediaset e Antena 3: o formato de TV conectada.
“Buscamos un novo posicionamento de Monterrei como un dos viños galegos de maior calidade”, afirmou Jonatás Gago, “e para elo temos que comezar pola casa, por o noso territorio, cunha autopercepción acorde a estes parámetros de calidade”. Neste sentido anunciou o próximo despregue dunha batería de iniciativas de formación e divulgación da cultura enolóxica propia, para comezar “a traballar e coidar a base dun dos territorios de maior proxección hoxe da viticultura europea”.
Neste sentido, o alcalde de Verín anunciou a próxima sinatura dun convenio de colaboración coa D.O. Monterrei que sirva de marco a todas estas accións promocionais, en tanto en canto “Verín, que é a capital comarcal e ten intereses de promoción turística e termal, ten presenza en eventos e foros de promoción como Fitur ou outros nos que podemos aproveitarmos mutuamente das sinerxias de promoción nun eido no que compartimos o interese do crecemento económico da nosa zona”.
Consciente de todo isto, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei vén de lanzar a súa campaña “Tempo de Godello”, coa que pretende favorecer o posicionamento e identificación dos viños D.O. Monterrei a través da súa uva emblemática, a uva Godello, e nun momento clave para o seu consumo: o Nadal.
Monterrei: Terra de Godello
Esta campaña destaca como o territorio, situado no sueste da provincia de Ourense, á beira do río Támega, está bañado polas cores do viño, a historia e a gastronomía. Os restos arqueolóxicos atopados na comarca, como lagares, lagares e vasos de orixe romana, mostran as fortes raíces da viticultura en Monterrei.
Unha viticultura histórica, pero con gran proxección de futuro: a diversidade de solos e microclimas nas ladeiras dan como resultado viños de carácter distintivo, diferenciados e complexos, que rapidamente deron gran sona aos viños da súa Denominación de Orixe, a máis nova de Galicia, aínda que con máis de 2000 anos de tradición vitícola.
Nesta zona, a uva Godello é a variedade branca máis abundante. Nas viñas que espallados por Monterrei veremos os seus acios, pequenos e compacto, con maduración temperá. Viños Godello D.O. Monterrei son moi elegantes, afroitados, glicéricos e con corpo, elaborado en adegas que combinan tradición e modernidade cun profundo respecto polo medio ambiente.