A XVI Feira do Viño de Monterrei terá unha pregoeira de luxo. A presentadora de #DígochoEu, Esther Estévez Casado, será a encargada de realizar o pregón que dará inicio ao evento máis destacado neste territorio vitivinícola.
A realización do mesmo está enmarcado dentro dos actos previstos para a xornada inaugural da feira. Despois da celebración da Confraría dos Viños de Monterrei, na Igrexa Parroquial de Verín, terá lugar a inauguración oficial da nova edición desta feira do viño.
Dita inauguración será o 11 de agosto, a partir das 20 horas, na praza Maior de Verín. Durante a mesma, Esther Estévez exaltará os brancos e tintos da denominación, ademais de destacar a importancia da viticultura na comarca.
Estévez Casado naceu en Verín no ano 1997, onde viviu ata que foi á universidade. Graduada en Xornalismo pola USC no 2019. Ese mesmo ano comezou a traballar nas redes da TVG. En xaneiro de 2020 naceu #DígochoEu co obxectivo de aprender algo novo sobre o galego a diario. Con este proxecto xa recibiu numerosos recoñecementos, como o de Mellor Comunicadora nos Mestre Mateo nos anos 2022 e 2023.