Os viños de Monterrei estarán presentes en FENAVIN (Feira Nacional do Viño), que terá lugar do 09 ao 11 de maio en Ciudad Real.
O C.R.D.O. Monterrei formará parte do espazo conxunto ‘Túnel dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia’, promovido desde a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL). No mesmo poderanse degustar viños das seguintes adegas rexistradas na Denominación de Orixe Monterrei: Crego e Monaguillo, Terrae Monterrei e Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán). Esta última adega tamén contará cun espazo expositivo propio, na que estarán presentes os responsables da mesma.
Coa asistencia a FENAVIN, a Denominación de Orixe pretende incidir sobre o sector profesional, xa que se trata dunha das feiras monográficas de viño máis antigas e relevantes de España. Á última edición de FENAVIN asistiron 1.874 adegas, e contouse coa presenza de 14.538 compradores nacionais e 4.267 internacionais procedentes de 84 países; así como a participación de 50.853 visitantes.
“A presenza nesta feira busca promover un maior coñecemento da D.O. Monterrei entre o sector profesional e incidir na procura de novas canles de distribución e comercialización, tanto a nivel nacional como internacional, así como reforzar a nosa imaxe de marca”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Jonatás Gago García.