O C.R.D.O. Monterrei volverá estar presente, unha edición máis, na Feira do Lázaro, que terá lugar esta fin de semana no pavillón municipal de deportes de Verín.
Desde a entidade impulsarase a realización dun Túnel do Viño, na que participarán referencias de 23 das 28 adegas rexistradas na denominación. Nese espazo, poderase recibir información sobre o territorio vitivinícola, características edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxía de produto; así como degustar os brancos e tintos que se elaboran en Monterrei.
O horario de funcionamento deste Túnel será de 10 a 14 e de 16 a 20 horas (no caso do sábado a hora de peche ampliarase ata as 21 horas), e contará coa presenza dos técnicos do Consello Regulador. Para entrar no mesmo será necesario adquirir unha copa e un ticket de entrada ao Túnel (copa a dous euros e ticket por un valor de cinco euros). As adegas que estarán presentes nesta iniciativa son: Trasdovento, Pazo das Tapias, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Manuel Regueiro García, Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terrae Monterrei, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
Doutra banda, na xornada do domingo, terá lugar unha ‘Cata Harmonía de Viños da D.O. Monterrei’, a cargo do director técnico do Consello Regulador, Miguel López. Será ás 13 horas, tamén no pavillón municipal, e contará coa colaboración de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova).
“A participación nesta feira busca achegar os viños de Monterrei aos consumidores máis próximos, co obxecto de que sigan sendo prescritores dos mesmos, e permite estreitar os vínculos entre viticultores, adegueiros e consumidores finais”, destaca Jonatás Gago García, presidente da entidade.