Entre mañá e o xoves (07-09 de xuño), os viños da D.O. Monterrei estarán presentes no salón vitivinícola ‘ London Wine Fair’.
Monterrei formará parte desta acción de promoción conxunta levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das II. XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). Trátase da segunda vez que, tras ‘ Vinexpo’, os viños e licores autóctonos galegos promociónanse de forma conxunta no exterior.
No espazo de Monterrei, os/as participantes poderán degustar viños de dezanove adegas rexistradas na denominación: Trasdovento, Pazo das Tapias, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Pazos del Rey, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Terrae Monterrei, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
Ademais, recibirán información sobre o territorio, historia e tradición vitivinícola, características edafoclimáticas, variedades de uva ou tipoloxía de viños, entre outras cuestións. O stand de ACRUAGA estará situado no Olympia London (Grand Hall- Ground Level- F48).
“A participación nesta iniciativa permitirá reforzar a nosa presenza en Reino Unido, un dos nosos principais mercados no exterior”, indica a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva. “É a primeira vez que participamos na ‘London Wine Fair’, a cita vinícola máis relevante nese país, e agardamos crear sinerxias que axuden a dar a coñecer ao mundo o noso selo de calidade vitivinícola e os excelentes viños que na nosa zona elabóranse”, conclúe.
‘London Wine Fair’
Tras a pandemia, a ‘ London Wine Fair’ recupera o seu carácter presencial. Está previsto que máis de 14.500 profesionais ligados ao ámbito do viño e das bebidas espirituosas participen nesta edición do foro, un dos máis relevantes de cuantos celébranse en Europa.
Sobre ACRUAGA
A Asociación de Consellos Reguladores do Viño e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) creouse para dar cobertura a un convenio de colaboración subscrito co IGAPE cuxo fin é a promoción internacional dos viños e destilados amparados baixos os selos de calidade diferenciada de Galicia. Unha entidade que impulsará accións de formación e difusión dos produtos amparados polos selos de calidade dos seis organismos integrados na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes de Galicia.