O C.R.D.O. Monterrei ratificou por sétimo ano consecutivo a súa condición de colaborador fixo de Expourense, o que lle permitirá estar presente en todas as accións promocionais, feiras e eventos organizados polo recinto para este ano. A sinatura deste convenio correu a cargo da presidenta do Consello Regulador, Lara da Silva, e o director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez. A D.O. Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015. Isto implica a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano, sobre todo en Portugal, a favor dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.
Esta colaboración especial para o 2022 inclúe ademais a participación directa como expositor en Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 9 e o 13 de novembro. Este Consello Regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia, dentro dos showcookings de Xantar, e organizarán unha cata comentada.
Coa sinatura do convenio, ambos os organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños e a enogastronomía en xeral, tanto en territorio nacional como no estranxeiro. Rogelio Martínez mostrou a súa satisfacción pola firma do convenio, que demostra que como as entidades da provincia de Ourense confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos. Pola súa banda, Lara da Silva afirmou que “Expourense é un bo escaparate para potenciar a imaxe de marca da D.O. Monterrei, e dar a coñecer os viños que se elaboran no territorio, tanto no mercado nacional como no internacional. Ademais este convenio permítenos estar presentes naqueles actos que a Fundación realiza fóra da provincia e que gardan relación co noso sector, por exemplo o enoturismo”.