A Denominación de Orixe Monterrei concluíu a súa participación en ‘Espai Verema Valencia’, cun éxito de asistencia de público ao espazo da mesma.
Ao longo da xornada, máis dun centenar de asistentes achegáronse ata a área de Monterrei para descubrir as tipoloxías de viños, características edafoclimáticas, variedades de uva, historia e patrimonio vitivinícola; ademais de poder degustar os tintos e brancos das seguintes adegas da denominación: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei (Adegas Terrae), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
Entre os asistentes ao espazo de Monterrei atopábanse representantes da Federación de Sumilleres de la Comunidad Valenciana (FASCV), Asociación Valenciana de Sumilleres (ASVASU), Federación de Hostelería de la Comunidad Valenciana, Federación Empresarial Hostelería de Valencia (FEHV), CdT Valencia (Centro de Turismo de la GV), Escuela de Viticultura y Enología de Requena, Escuela Técnica Superior de Ingeniería Agrónoma y del Medio Natural (UPV), Grado en Ciencias Gastronómicas de la UV, ademais de socios de Verema, entre outros.
É o primeiro evento de Verema no que participa a D.O. Monterrei neste ano, “e a participación no mesmo conforma un importante escaparate para mostrar os viños a un amplo espectro de público, desde o sector da restauración e hostalería, distribución,….ata o consumidor final”, destaca a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, “e non só das marcas comerciais das nosas adegas, senón que constatamos tamén un crecente interese pola Denominación de Orixe como tal en cidades menos traballadas, o que nos congratula e evidencia a necesidade de seguir promocionándonos máis aló dos mercados que habitualmente son cómodos para nós”. “Creo que o calendario deste ano, será apertado, con moito traballo, pero esperamos tamén que sexa rendible para todos. Hoxe máis que nunca falar de rendibilidade para o sector primario é esencial”, conclúe.