Os viños da Denominación de Orixe Monterrei estarán presentes, durante o 14 e 15 de xuño, en Ourense Vinis Terrae, o Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade.
O C. R.D.O. Monterrei contará cunha caseta propia, no que se facilitará información sobre a tradición e historia vitivinícola, territorio, características edafoclimáticas do mesmo, variedades de uva e tipoloxías de viños. Ademais, os que acheguen poderán coñecer e degustar viños das seguintes adegas pertenencientes á denominación: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
Ourense Vinis Terrae terá, nesta ocasión, formato híbrido, o que permitirá seguir esta iniciativa non só de modo presencial senón tamén virtual. A mesma conta cun amplo programa de actividades que inclúen un Túnel do Viño e Licores e Augardentes con máis de 190 referencias de todas as denominacións de orixe galegas, II Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae, actividades formativas dirixidas a dotar ás adegas de ferramentas dixitais para optimizar a súa comercialización a través de canles en liña ou redes sociais, visitas programadas aos territorios vitivinícolas, entre os que se atopa o de Monterrei, ou a realización de masterclass sobre uvas autóctonas de Galicia impartidas por Ferran Centelles, Sarah Jane Evans e Jorge Navascués, entre outras cuestións.
O horario de Ourense Vinis Terrae será 10 a 18 horas, e a acreditación profesional, de carácter gratuíto, pode realizarse a través da web (www.vinisterrae.es) ou directamente no recinto.