A cidade de Santander acolleu a última actividade promocional da Denominación de Orixe Monterrei, na que participaron máis de 60 profesionais da canle Horeca e do sector da distribución.
É a segunda ocasión que a D.O. Monterrei forma parte de ‘Vidivinos’, tras participar no showroom de Alacante, e todo co obxecto de dar a coñecer os viños que se elaboran na denominación, afianzar a imaxe de marca, impulsar a comercialización directa entre distribuidores e produtores. Ata o espazo da denominación achegáronse catadoras e hostaleiros de establecementos como Cenador de Amós, El Nuevo Molino ou Restaurante Ronquillo; así como parte da directiva da Asociación de Empresarios de Hostelería de Cantabria, membros da Asociación de Catadores de Cantabria, entre os que se atopaba Alfonso Fraile, ou representantes de medios de comunicación como Lucía Reguilón de Influyentes Cantabria.
Os asistentes a esta iniciativa recibiron información sobre as características edafoclimáticas deste territorio vitivinícola, a súa tradición e historia, ademais de variedades de uva ou tipoloxías de viño. Así mesmo puideron coñecer as peculiaridades dos viños das 17 adegas que estado presentes nesta acción promocional : Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
“Pechamos esta última acción con Vidivinos cun resultado satisfactorio, xa que se interesaron por Monterrei un número importante de profesionais da distribución e canle Horeca”, destaca a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, “sen esquecer que Santander é unha cidade fixa no noso calendario de accións promocionais, ao ser un mercado no que a D.O. Monterrei é ben acollida”.