O martes 08 de xuño, os viños da denominación de orixe Monterrei participarán no showroom ‘ Vidivinos’ que terá lugar en Santander.
Trátase da segunda ocasión, tras estar presente en Alacante, que Monterrei forma parte do showroom ‘ Vidivinos’. O mesmo desenvolverase no Gran Casino Sardinero, de 12 a 15 horas e de 17 a 21 horas, e está destinado exclusivamente ao sector profesional co fin de impulsar a comercialización directa entre distribuidores e produtores. Nesta iniciativa estarán presentes os tintos e brancos de 17 adegas da denominación: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.
Ao longo de toda a xornada, os asistentes ademais de coñecer de primeira man os viños que se elaboran en Monterrei, tamén recibirán información sobre as características edafoclimáticas do territorio, as diferentes tipoloxías de viño e variedades de uva, así como a historia e tradición vitivinícola da zona.
“É a segunda ocasión en menos dun mes que participamos en Vidivinos, e esperamos que sexa tan frutífera como a anterior”, indica a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, ”debido a que se trata de accións dirixidas exclusivamente ao público profesional, o que pode axudar a crear sinerxias para as nosas adegas”.