O C. R.D.O. Monterrei ratificou esta mañá a súa condición de colaborador fixo de Expourense, o que lle permitirá estar presente en todas as accións promocionais, feiras e eventos organizados polo recinto para este ano. A firma deste convenio foi realizada pola presidenta do Consello Regulador, Lara da Silva, e o director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez. A D.O. Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015. Isto implica a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano, sobre todo en Portugal, a favor dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.
Esta colaboración especial para a 2021 conta coa participación en dúas dos salóns referencia de Expourense: Xantar e Ourense VINIS TERRAE. O C.R.D.O. Monterrei, que conta con 27 adegas, estará presente na próxima edición híbrida de Ourense VINIS TERRAE, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, que se celebra os días 14 e 15 de xuño, consolidándose como unha cita internacional para as adegas da nosa comunidade que contribúe a posicionar os viños galegos no mercado exterior.
Así mesmo, repetirase a participación en Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 3 e o 07 de novembro. Este Consello Regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia, dentro dos showcookings de Xantar, e formarán parte dunha cata comentada.
Coa firma do convenio, ambos os organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños, tanto en territorio nacional como no estranxeiro.
Rogelio Martínez mostrou a súa satisfacción pola firma do convenio, que demostra que moitas entidades da provincia confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos. Pola súa banda, Lara da Silva afirmou que Expourense é un bo escaparate para potenciar a imaxe de marca da D.O. Monterrei, e dar a coñecer os viños que se elaboran no territorio tanto no mercado nacional como no internacional.