O Pleno do Consello Regulador decidiu reformular a Feira do Viño de Monterrei, que se celebra a segunda fin de semana de agosto, #ante a situación de crise sanitaria provocada polo COVID-19 e os rebrotes que se están sucedendo nas últimas semanas.
En lugar das tradicionais casetas das adegas situados na praza da Alameda de Verín, nesta edición a conmemoración da cita vitivinícola por excelencia da comarca trasladarase ao mundo virtual, “esperouse ata o último momento para tomar a decisión, foi moi meditada e tristemente a realidade obrigounos a trasladar a nosa feira ao mundo virtual co obxecto de respectar a distancia social e ser, por tanto, prudentes e responsables coa sanidade pública, xa que na última edición superamos os 30.000 visitantes”, destaca a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez.
Con todo, e para seguir revalorizando o esforzo e traballo dos viticultores e adegueiros que conforman a denominación, “decidiuse realizar unha importante campaña en redes sociais, que se estenderá ao longo de varias semanas, para que os consumidores non se esquezan da nosa cita vitivinícola, que se recuperará no 2021, e sigan apostando por Monterrei nas súas mesas”, manifesta a presidenta.
Entre as iniciativas que se realizarán atópase o concurso # BrindoconDOMonterrei. O mesmo realizarase durante a próxima fin de semana, coincidindo coa data na que ten lugar a Feira do Viño. O mesmo, que levará a cabo na rede social Facebook, busca que se suban fotos de brindes con viño da denominación, etiquetando á D.O. Monterrei e usando o hastag # BrindoconDOMonterrei. Entre todos os participantes sortearanse estoxos de viño xenérico e visitas a adegas de Monterrei, entre as que participan Gargalo, Vinos Lara, Triay, Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Estela do Val, Daniel Fernández e Quinta Soutullo (previa cita concertada coa adega e cumprindo todas as medidas hixiénico-sanitarias establecidas).
Así mesmo, realizaranse post sobre adegas da denominación, vídeos recordatorios da celebración, coa participación de membros da Confraría dos Viños de Monterrei, entre outras cuestións. “Todo co fin de lembrar que somos unha gran familia, e que o próximo ano volveremos con máis ilusión se cabe e moito máis fortes”, conclúe a Lara Da Silva. Ademais, lembra a presidenta que a cita con Monterrei este ano non estará do todo incompleta, xa que como era previsto desde inicio de ano a celebración da Confraría dos Viños de Monterrei trasladarase, se todo permítenolo, para o mes de decembro. “Esta decisión foi proposta ao Pleno do @Consello Regulador a principios do 2020, co obxectivo de deslocalizar da feira dita actividade, xa que a evolución da nosa cita vitivinícola foi tal, que era necesario darlle o seu sitio propio no calendario”, conclúe a presidenta.